mércores, xaneiro 13, 2016

Descubrindo onde vivimos


Esta semana e as vindeiras estamos descubrindo o lugar onde vivimos.
A presente unidade didáctica está pensada para que o alumnado sexa quen de observar o que o rodea cunha mirada nova, diferente e mesmo crítica, co obxectivo de contribuír a mellorar a súa percepción do espazo e, en consecuencia, o coñecemento que ten do medio no que vive, sexa rural ou urbano. Pretendemos que esta ollada nova lle permita fuxir de emitir opinións simplistas (bonito-feo, gústame-non me gusta) e o poña no camiño de ir criando unha actitude crítica cara os espazos que habita. O traballo comeza coas percepcións sensoriais: cores, luces e sombras, olores, formas e figuras, materiais... da vivenda do alumno/a, do seu colexio e contorno máis próximo, pois só despois de descubrir e mergullarse perceptivamente no seu contorno poderán reflexionar sobre calquera outra realidade. En xeral as actividades son variadas, mesturando estratexias individuais e grupais, dentro e fóra da aula, conformando unha secuencia de actividades dirixidas. É moi importante motivar ao alumnado na realización das actividades en grupo, ben na súa realización directa ou ben na súa contrastación dentro da clase, dado que entendemos que os espazos son unha construción colectiva da que nos apropiamos e, por iso, a súa comprensión debe facerse grupalmente.
Podedes descargar o material no seguinte enlace http://proxectoterra.coag.es/index.php/arquivo/descargas-pdf.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario