"Poemiña para namorar unha rosa"
( Manuel María, "As rúas do vento ceibe")
A rosa rosiña
está na roseira
moi coloradiña,
feliz e riseira.
A rosa rosada
de tanto lucir
a mesma alborada
a pode ferir.
A rosa rosiña
está no rosal;
ti queres ser miña,
rosiña lanzal?
A rosa rosada,
de tenro mencer,
é tan delicada
que pode morrer!
Prá rosa rosiña,
fachenda de Maio,
incluso é espiña
a flor dun salaio!
A rosa rosada
xa é miña amiga;
quedou namorada
con esta cantiga!
Ningún comentario:
Publicar un comentario