Na xornada de hoxe a rapazada coñeceu esta tradición galega:
Estamos ante unha das festas do ciclo da invernía, que ten lugar
xusto na metade do inverno e que prepara a inminente chegada da
primavera e, con ela, o renacer da natureza. Coa cristianización, que
absorbeu canta celebración puido, convertiuse na Candeloria e traduciuse
no costume de acender candeas. Coincide tamén coa celebración celta do
Imbolc, tamén vencellada ao lume, que en Irlanda foi cristianizado como o
Día de Santa Bríxida.
Este día sinala o retorno das aves migratorias e os cortexos que
preludian o renacer primavera. “É unha data dedicada ao amor e á
fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da
natureza e como obxectos de construción simbólica”, segundo sinala o
antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica
Galega.
Desde algúns blogs mesmo se defende que o día 2 debería ser a data do
amor romántico na nosa cultura. O noso refraneiro popular tamén lembra
que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. E o antropólogo Anxo
Rosales ten documentado un exemplo máis dramático desta tradición en
Santa Mariña de Covelo (Pontevedra), onde aínda se di que “o paxariño
que non consiga compañeiro neste día, suicídase”.
Do mesmo xeito, Rosales lembra que Murguía, ademais doutros
estudosos, ten rexistrado o costume de ceibar pombas por parte dos nenos
o día da Candeloria na misa que se dedicaba á virxe en Compostela.
Como previsión meteorolóxica
A Candeloria tamén serve para anunciar a chegada máis ou menos
próxima da primavera: “Cando a Candeloria chora, o inverno xa vai fóra;
cando a Candeloria ri, o inverno está por vir”. É o mesmo concepto que o
Día da Marmota estadounidense, cando este animal prevé a chegada
inminente da nova estación (ou non). Noutras culturas, como a francesa, é
un oso que sae do seu tobo, sinala Rosales.
En Sorbia, unha festa viva
Os sorbios, unha minoría cultural e lingüística en Alemaña, celebran o
'Vogelhochzeit' (Casamento dos paxariños) o 26 de xaneiro. Ese día os
nenos póñenlle pratos con comida e lambonadas típicas para os paxaros e
nas escolas celébrano con cantos e outras actividades.
Mentres, en Galiza é unha tradición que aínda segue viva na memoria
sobre todo do rural, pero que se non se actualiza corre o perigo de
desaparecer ao igual que outras moitos costumes e lendas.
Fonte: http://www.sermosgaliza.gal
Ningún comentario:
Publicar un comentario