luns, abril 25, 2016

As razóns do galego

Este artigo que hoxe inclúo no apartado “Ensaios” da miña web (http://agustinfernandezpaz.gal) apareceu anteriormente na revista LUZES (nº 15; febreiro, 2015). Tal como digo no inicio do texto,
«O motivo que me levou a escribilo non foron os datos publicados en decembro de 2014 polo Instituto Galego de Estatística (IGE) referidos ao coñecemento e uso do galego. O devalo da lingua que reflicten, sobre todo na cidadanía máis nova, xa foi comentado e analizado en diversos traballos cos que me sinto identificado.
Non foron os datos, senón as posteriores declaracións dos principais responsables da política lingüística aplicada en Galicia: o presidente da Xunta, Núñez Feijoo; o ex-conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Esas declaracións –e tamén as dalgún comentarista con presenza habitual en medios escritos– son as que me levan a lembrar dez puntos que explican non só os datos do IGE, senón tamén a axenda oculta da política lingüística emprendida polos gobernos de Núñez Feijoo.»
1. A lingua é de todas as persoas, ten unha dimensión colectiva. Naceu hai máis de mil anos neste país e non é propiedade de ningún grupo político ou social. Perténcenos a todas as persoas que vivimos e soñamos nel e ás que chegan a Galicia desde calquera lugar do mundo e deciden quedar aquí. E, xaora, á xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante.
Para entender os problemas sociolingüísticos que hoxe experimenta a lingua convén ter moi presente a súa historia, que é tamén a dos seus falantes, porque nela están as raíces de moitos das dificultades ás que nos enfrontamos hoxe. Por exemplo, é a que explica os prexuízos existentes arredor do galego (rural, atrasado, localista, pailán, inútil…), os mesmos que revitalizaron con forza as políticas de Núñez Feijoo.
2. Os prexuízos e as actitudes negativas son o principal obstáculo para un uso normalizado da lingua. Funcionan como unhas “leis invisibles” que seguen orientando os comportamentos lingüísticos de boa parte da poboación. Sen eles non se podería entender un fenómeno moi relevante: a invisibilidade social da lingua. Aínda que a entende a práctica totalidade da poboación e a fala unha ampla porcentaxe, ten unha presenza social moito menor da que lle correspondería. O galego é, en certo sentido, unha lingua oculta. Esta invisibilidade social da lingua acada proporcións preocupantes nos ámbitos urbanos, onde semella haber zonas e situacións en que falar galego se vive como unha transgresión social.
3. O estatus do galego como lingua oficial, xunto co castelán, e o recoñecemento como «lingua propia de Galicia», serviron para construír un precario marco legal tras a morte de Franco. Malia o escaso entusiasmo dos gobernos autonómicos e a desconfianza das elites sociais, económicas e mediáticas, o galego foi acadando ámbitos e funcións que antes lle estiveran vedados.
A pedra angular deste marco legal é a Lei de Normalización Lingüística (1983). Dela quero salientar o artigo onde se di que naquelas etapas en que o ensino é obrigatorio, o Goberno garantirá que o alumnado acade unha competencia semellante nas dúas linguas oficiais.
No ano 2004, o goberno de Fraga Iribarne promoveu a elaboración dun Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL). Nela participou un amplo número de representantes da sociedade civil e, tras posterior revisión, aprobouse por unanimidade no Parlamento Galego.
O PXNL facía unha radiografía da situación social do galego, estruturada en sete grandes apartados. Partindo desa radiografía, propuña uns obxectivos a medio prazo e un amplo repertorio de medidas para acadalos. Unha completa folla de ruta para as actuacións dos Gobernos autonómicos nas primeiras décadas do século XXI.
4. No ano 2006 accedeu ao goberno a coalición PSdeG-BNG. Na segunda parte da lexislatura aprobou un novo decreto que regulaba a presenza das linguas no ensino non universitario, elaborado seguindo as pautas do Plan Xeral. Isto provocou o ataque dos sectores opostos á normalización social do galego, apoiados con entusiasmo polo PP. O mesmo partido que promovera o PXNL rompeu todos os consensos para conseguir un rendemento electoral.
Foron os anos de falacias como la imposición del gallego, la defensa de la libertad lingüística ou el derecho de los padres a elegir, espalladas polos principais xornais de Galicia e polos da dereita madrileña. Mentiras que acabaron por instalarse nun sector da sociedade e contribuíron a que o PP gañase as eleccións do ano 2009.
5. Este primeiro goberno dun PP iniciou unha intensa contrarreforma co obxectivo de afogar as actuacións lingüísticas e culturais que agromaran co goberno bipartito. Sen ánimo de ser exhaustivo, cito aquí algunhas delas: eliminación das axudas económicas aos programas experimentais de ensino en galego en E. Infantil (maio, 2009); modificación do decreto que regulaba o currículo de E. Infantil, para dificultar na práctica a presenza do galego (maio, 2009); eliminación da esixencia de coñecemento do galego para acceder á función pública (xuño, 2009); derrogación do Decreto 124/2007 que regulaba o uso das linguas no ensino (xuño, 2009); modificación da normativa das galescolas de E. Infantil (agosto, 2009); recorte dos orzamentos para os ENL dos centros educativos (xaneiro, 2010); supresión das axudas para a promoción do galego nos concellos (setembro, 2009); supresión da proba de galego nas oposicións á docencia (febreiro, 2010); paralización das páxinas web que divulgaban a música e a literatura en galego; desmantelamento de Man Común, a plataforma de software libre en galego; diminución das axudas á edición e á tradución; paralización das medidas contempladas na Lei do Libro e da Lectura, como a creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción exterior… E, xaora, unha brutal diminución dos orzamentos destinados a política lingüística (21,5 millóns no 2009; 6,7 para o 2015).
6. Ademais das anteriores, as dúas actuacións principais que centraron esta cruzada contra o galego foron, en primeiro termo, a loita xurídica e ideolóxica para aprobar o chamado «Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia». Un decreto que diminuíu de xeito dramático a presenza do galego no ensino, que prohibiu a súa utilización nas materias científicas, que retirou e destruíu os libros de matemáticas, que varreu o galego das aulas de Educación Infantil nas cidades… Un decreto que foi parcialmente anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que aínda está pendente do recurso de casación que a RAG presentou perante o Tribunal Supremo.
7. A outra actuación que quero salientar é para min a máis grave, pola persistencia dos efectos que produce: trátase da revitalización dos prexuízos contra a lingua. Mediante declaracións e actos un día si e outro tamén, e amparándose nunha utilización espuria do concepto liberdade, o goberno e os medios afíns conseguiron estender na sociedade novos prexuízos e fomentar as actitudes negativas.
Empregar o galego na vida social volveu ser unha práctica connotada. Dun xeito implícito, o que se nos pide ás persoas que temos o galego como lingua habitual é que sexamos amables e cordiais: que cambiemos de lingua nos despachos, nos comercios, nas consultas… para evitar conflitos. Abaixar a cabeza e claudicar en ámbitos adversos, deixar o galego para cando esteamos na casa ou con persoas de confianza: unha lingua só para o guetto, o ámbito da liberdade restrinxida.
8. O resultado destas actuacións é o que reflicten os datos do IGE. No ámbito do ensino, unha ampla porcentaxe do alumnado non emprega nunca o galego. En moitos casos non o falan porque non saben, como moi ben explicou Xabier P. DoCampo. E, nos casos en que saben, os prexuízos lévanos (a eles e ás súas familias) a rexeitar o seu uso, porque non resulta atractivo empregar unha lingua alcumada de radical, de atrasada, de limitadora, de inútil, de imposta. O modelo está nos que nos mandan: empregalo só en certas ocasións, nun práctica percibida como ritual e falsa.
O camiño para contrarrestar isto pasa polas medidas deseñadas no PXNL, porque un ambiente favorable ao emprego do galego non se produce espontaneamente. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego se pode usar para calquera función e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua.
9. E unha hipocrisía estrañarse dos datos do IGE ou non verlles relación coa política aplicada, pois son o resultado lóxico das medidas adoptadas. Calquera manual de sociolingüística explica que coas porcentaxes de emprego do galego no ámbito escolar, nun contexto de actitudes negativas, os datos teñen que ser os do IGE. E se non son peores é polo esforzado labor de tantos docentes que traballan para cumprir os obxectivos sinalados na Lei de Normalización de 1983.
De querer tamén iso o goberno, tería que cambiar de rumbo e camiñar na dirección correcta: a de conseguir que o alumnado sexa competente nas dúas linguas oficiais. E a crear ámbitos de uso, de maneira que os galego falantes non se vexan obrigados a ocultar a súa lingua, sexa na escola, no médico ou na notaría.
10. Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade coa que se pode facer en castelán. Entre outras cousas, é preciso que a poboación sexa competente nas dúas lingua oficiais, para que logo cadaquén decida libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. A dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística.
Esta dobre competencia xa a posuímos todos os cidadáns que temos o galego como lingua habitual, mais o contrario non ocorre. É falsa a oposición entre castelán falantes e galego falantes. En todo caso, a oposición sería entre os que temos competencia bilingüe e os que se obstinan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dous idiomas oficiais.



venres, abril 15, 2016

Buscamos contacontos para o Día do Libro.

O vindeiro día 25, 27, e 29 de abril teremos a conmemoración do Día  do Libro, no marco da programación de actividades destinadas ao fomento da lectura e dinamización da Biblioteca. Todas aquelas persoas da comunindade educativa interesadas en participar como "contacontos" pode porse en contacto con Almudena ou Manuel.
Grazas pola vosa axuda.

A FALA

Perderte é ficar mudos,
matar a conciéncia popular,
esmorecer,
esvairse nunha Terra
sen froito e sen ledícia,
aguniar no tempo conquistado,
entregar o futuro ao nemigo.

Nen pistolas nen leis
poderán contra ti.
Sulagaremos as illas
onde te queren gardar.
Derrubaremos os museos
que están a construir
para ti.

(O ferro dos dias, Lois Diéguez, 1982)

xoves, abril 14, 2016

"FEO"

A semana pasada saímos dúas veces ao Teatro Principal, onde xa somos moi coñecidos.
Un dos días foi ver a obra de teatro "FEO", que é unha adaptación do conto de Andersen da Compañía de teatro "CARAMUXO", gustounos moitísimo.
Ao día seguinte Juán o actor da obra, veu ao Colexio a facer un obradoiro sobre a mesma. Pasámolo en grande, ademáis vimos que Juán ademáis de ser un moi bo actor é unha moi bela persoa.
Para a ocasión fixemos todos os nenos un taller de pintura e manualidades para adornar os corredores do cole cos parrulos da obra ( paperinis).
GRACIAS!!!!!


















 Este parrulo pintaronno os nenos da Clase de Desi con papel de burbullas posto nos pés, a que quedou chulo?





Ana é unha "artista".

A profe Ana está feita unha artistaza, fixo para súa clase uns libros e uns taboeiros sensoriais chulísimos.
Aos nenos e as nenas encántanlles, si por eles fora , non farían outra cousa. Quero que os vexades.












luns, abril 11, 2016

Saída á AWASAN

Como xa aconteceu ao remate do primeiro trimestre, o pasado venres fixemos unha saída ao complexo de AWASAN. O alumnado acompañado do profesorado do centro e dos monitores do lugar, gozou dunha sesión na piscina na cal poideron nadar, mergullarse e mesmo xogar con diferentes accesorios.

Esperamos que vos gusten as fotografías!


venres, abril 08, 2016

Campamentos de verán

Hoxe saiu na páxina da Xunta a convocatoria de campamentos de verán para alumnos e alumnas con discapacidade.
Podedes mirar a orde no seguinte enlace: http://www.edu.xunta.es/portal/node/18652. ou en http://benestar.xunta.es/web/portal/campamentos-veran

Animádevos a inscribir aos nenos é unha experiencia fantástica!!.


venres, abril 01, 2016

Día mundial do autismos (2 de abril)

Queremos compartir este vídeo:

Máis esta entrevista en Sermos Galiza:

SESO DURÁN, PAI DE MANUEL

Segundo as estatísticas oficiais 1 de cada 150 crianzas en idade escolar ten autismo. Unha condición descoñecida e cargada, aínda, de estereotipos e prexuízos. Con motivo do Día para a concienciación (2 de abril) conversamos con Seso Durán, pai de Manuel e promotor, xunto coa súa compañeira Olga Lalín, do blogue Alto, alto como unha montaña.
Fomos ao médico e dixéronnos que os autistas eramos nós
Fálame de Manuel...
Manuel ten sete anos. Está de aniversario en maio e foi diagnosticado hai dous anos e medio. Tivemos dúbidas desde sempre mais o autismo pode chegar a ser moi sutil e difícil de detectar se te colle ademais como nai ou pai primeirizo. Viamos que non falaba, que non partillaba. Ese é un dos trazos, falta de linguaxe e de atención partillada. Co tempo vimos que viña acompañado de problemas gástricos asociados. Fomos ao médico e dixéronnos que os autistas eramos nós. O noso esforzo de concienciación vén motivado pola falta de formación que detectamos nos profesionais. Que os autistas eramos nós dixéronnolo varias veces. Ao final contactamos cunha das persoas que máis saben de autismo e que contan con maior recoñecemento na materia, que está en Galiza, Jesús Eirís [neurólogo]. A partir da diagnose foi un bombazo. Buscamos profesionais e comezou coa atención temperá e a ir á escola. Manuel vai a un colexio público e está na aula co resto de estudantes embora recibir atención adaptada. Temos a sorte de contar con profesorado moi preocupado. Agora estamos nun momento boísimo aínda que sabemos que o neno vai evoluíndo.
Como xorde a idea de facerdes unha canción?
Son profesor de música. A primeira fixémola en 2012. Cada unha fala dunha cousa diferente. A primeira do amor incondicional que se lle ten a un fillo. A segunda de ollar o futuro. A cuarta sobre o que pensas, sobre que acontecerá. Cando tes crianzas dás vida mais tamén pensas como será cando non estexas. A terceira fala dos intereses restrinxidos [un dos trazos do autismo é que amosan interese por cousas concretas, no caso de Manuel os números, as liñas regulares].
Estas cousas vívense mais non se asumen, iso faise todos os días
Cal é a primeira reacción ao saber do autismo?
Medo. Pensas que 'isto non me está a pasar a min'. Fuxir. A última canción fala dun día moi concreto no que collimos o coche, non sei onde rematamos, Manuel ía detrás e a diagnose era moi recente. Son cousas que hai que asumir. Sentes incredulidade, depresión... pasas por distintas fases. Estas cousas vívense mais non se asumen, iso faise todos os días.
O autismo é un grande descoñecido, dicías entre os profesionais mais tamén socialmente... 
É moi chamativo. Perviven moitos mitos asociados ao autismo. É un espectro. Non ten un trazo físico polo que todo o mundo cre que o neno non ten nada. O propio trastorno non axuda. Na asociación da que facemos parte ás veces dicimos 'ogallá cando ten unha crise se puxese azul' porque desta maneira non pensarían que o neno é un maleducado, por exemplo, cando está no parque e non quere deixar o columpio a outros nenos. Logo está a cuestión dos dereitos. A sociedade non coida que teñan dereitos a respeito das necesidades especiais que precisan para o seu exercicio. Unha persoa con autismo non ten barreiras arquitectónicas mais si de incomprensión. E cada vez diagnostícanse máis casos.
A sociedade non coida que teñan dereitos a respeito das necesidades especiais que precisan para os exercer
Como é o día a día de Manuel?
É un neno que precisa saber exactamente o que vai pasar despois. Pautar as actividades é absolutamente necesario. Por exemplo, se saes do coche, esqueces algo e das a volta non o entende. No caso de Manuel isto está moi marcado. Hai crianzas que non o desenvolven tanto. Porén, Manuel fala. Pode dicir todo o que precisa desde que se levanta até que se deita. Pode partillar até cinco frases [encadeadas]. Aprendeu a ler. Ao comezo pensas que non vai poder facelo.
Contades, dicías, con profesionais que traballan con Manuel. Cal é a situación a respeito dos recursos que se necesitan para atender unha persoa con autismo?
Vivimos en Redondela. Esta é unha zona ben comunicada. Na escola o profesorado está moi implicado. Imaxina canto que lle mantiveron o mesmo grupo de estudantes desde Infantil. Contamos cunha axuda á dependencia de 387 euros ao mes e non nos foi recortada. Coñecemos casos que si. Somos os dous funcionarios polo que temos axudas que outras persoas non. Por exemplo, a atención temperá pagámola através de Muface [aseguradora do persoal público] se non fose así teriamos que descontala da axuda á dependencia e só niso iríanse máis de 200 euros, máis desprazamentos. Imaxina unha persoa que viva no rural, alguén sen estes recursos e sen a nosa formación.... buf! Para alén diso están os prazos na atención neuropediátrica. Son de anos. Todo o mundo vai por privado, non se plantexa outra cousa. Aliás, cando tes un neno con autismo todo se complica. Por exemplo, en toda Galiza só hai un dentista que conte con formación específica que está situado na Facultade de Odontoloxía. Esa xente é unha pasada.
En toda Galiza só hai un dentista que conte con formación específica para tratar nenos con autismo. Esa xente é unha pasada!
Froito da vosa experiencia xurde o proxecto Alto, alto como unha montaña...
É unha maneira de levar nós todo isto, de que teña sentido para nós, para o neno e sirva para outras persoas. Cónstanos que é así. Do que falamos no blogue é de algo real, da nosa experiencia e contamos coa axuda de Esther Medraño [integrante do Centro de Atención Temprana Vínculo].
Como lle explicarías o autismo a quen estexa a ler a entrevista?
É unha condición. Non é unha enfermidade. Nácese con el, non se adquire e a día de hoxe non ten cura. Aínda que é un espectro ten dous trazos: o interese restrinxido e a falta de comunicación xestual, verbal, social. Non é que estexan fechados nunha burbulla, gostan de estar coa xente mais non o manifestan. Atinxe a capacidade de imaxinar e de interpretar a realidade de maneira literal. Non conta cun tratamento específico. Non ten un trazo físico identificábel para detectalo. Porén, o máis importante é entender o autismo como unha condición. Unha persoa con autismo non pode deixar de o ser. Son persoas con dereitos que deben ser garantidos pola sociedade e as administracións.